CANTICAR é un recurso que materializa de forma gráfica os topónimos da lírica profana galego-portuguesa non só para completar o coñecemento sobre a propia toponimia medieval, senón tamén para que os seus usuarios comprendan as dimensións sociopolíticas en que os textos foron elaborados, xa que, entre outras prestacións, ofrece a reconstrución das fronteiras dos reinos peninsulares ao longo do movemento trobadoresco (ca. 1170-1350).

CANTICAR

Mapa

Visualización das localizacións no mapa

CANTICAR

Buscador de topónimos

Buscador de topónimos no mapa


Todo aquel que consulte esta web poderá verificar o papel clave que determinados espazos desenvolven nas cantigas e, ao mesmo tempo, observar o peso e a función expresiva que os lugares reais tiveron no proceso de creación lírica. A ferramenta é, pois, unha oportunidade para percorrer mentalmente non só a paisaxe galega e a dos reinos da Península Ibérica, senón tamén a doutras localidades estranxeiras (cfr., por exemplo, os lugares citados no ciclo de Ultramar ou nos lais de Bretaña). A este respecto, cómpre subliñar que os topónimos elixidos polos trobadores e xograres sempre teñen un valor distintivo, xa que se seleccionan en función do tema tratado para situar personaxes e/ou acontecementos nun marco concreto, que posúe unha indiscutible relevancia ao converterse nun sinal de recoñecemento colectivo. Incluso, ás veces, os espazos nomeados teñen un valor engadido na historia literaria, desde o momento en que fan posible que se localicen en coordenadas xeográficas concretas tanto poetas e personaxes que non deixaron pegadas nas fontes documentais como aqueloutros para os que non hai constancia de que estivesen nos lugares citados.

Percorrer a presenza dos topónimos nas cantigas significa tamén transitar polos xéneros literarios da tradición galego-portuguesa. Así, se nas cantigas de escarnio e maldicir a existencia maioritaria de topónimos concorda coa dimensión “realista” do xénero, no rexistro amoroso a introdución de marcas xeográficas despunta como un elemento innovador que confire singularidade aos textos dun número restrinxido de poetas.

Para a elaboración deste proxecto procedeuse ao mapeado dos topónimos presentes nas cantigas e nas rúbricas explicativas, e, polo tanto, o equipo desbotou aqueles lugares nomeados nos textos espurios. Así mesmo, nesta primeira fase, a ferramenta non inclúe os lugares que aparecen na denominación de distintos personaxes, principalmente dos trobadores, nin aqueles que se poden identificar como motivación de antroponóminos (por exemplo, Pai Soares de Taveiros, Roi d’Espanha). Así mesmo, infórmase aos usuarios de que tanto a forma dos nomes de lugar como os datos relativos ás cantigas e aos seus autores proceden da base de datos MedDB en www.cirp.gal/meddb.

No caso da identificación daqueles lugares menos coñecidos ou para aqueloutros que presentan dúbidas revisouse a bibliografía especializada (consultable no enlace que figura máis abaixo), co fin de outorgarlles unha identificación concreta ou para validar certas hipóteses; naqueles casos en que non foi posible precisar unha localización única elaborouse unha capa específica chamada “Identificacións dubidosas”. Ademais, nalgúns casos, as autoras ofrecen novas propostas de identificación, como acontece, por exemplo, con França. Mais, como todo recurso científico, este mapa tamén se actualizará a medida que a comunidade investigadora realice traballos que supoñan un avance no coñecemento, traballos que favorecerán o enriquecemento da ferramenta e a súa maior precisión na marcaxe de lugares escorregadizos.

No corpus da lírica galego-portuguesa, ademais da toponimia real, está presente un número limitado de lugares imaxinarios como, por exemplo, o val de Ioxafat, lugar bíblico mencionado no Libro de Xoel (4, 2) e citado na cantiga Paai Rengel e outros dous romeus de Afons’ Eanes do Coton. Estes topónimos figuran nunha táboa denominada “Topónimos imaxinarios, ficticios ou incertos”, coa mesma información que a asociada aos lugares que se representan no mapa e que se precisa a continuación.

O mapa interactivo de CANTICAR está presidido polos principios de análise, relación e interpretación crítica das indicacións toponímicas achegadas polo corpus examinado, como se desprende das tres formas utilizadas para representar os lugares en función dos modos de estruturar a información nos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) cos que esta web foi elaborada. No modelo de datos vectorial dos SIX hai tres tipos de entidades xeométricas simples: punto, liña e polígono. No mapa manéxanse as tres coas seguintes funcións: os puntos foron empregados para a identificación de lugares concretos (localizacións específicas no espazo), as liñas para os distintos ríos citados nos textos e, por último, os polígonos (entidades máis complexas, con lonxitude e amplitude) para demarcacións territoriais de distinto tipo (reinos, bispados, rexións e outras circunscricións medievais). Esta forma de proceder implica que o Miño, por exemplo, veña representado por unha liña que marca o seu percorrido, e non como punto nun lugar específico, ou que o reino de Navarra se trace coa reprodución dos límites aproximados que tiña na cronoloxía relativa asignada polos especialistas ao autor da composición (Johan Soarez de Paiva) na que aparece citado, e non cunha marca única no mapa.

Cada topónimo leva asociados unha serie de datos que se poden consultar ben a través da táboa vencellada a cada capa, ben na fiestra emerxente que se abre ao clicar sobre o elemento en cuestión. Os campos son os seguintes:

Na medida do posible tentouse respectar a forma oficial dos topónimos actuais na lingua propia de cada territorio, salvo naqueles casos en que para o nome de lugar se utiliza un alfabeto distinto do latino (como, por exemplo, Xerusalén).

Esta web é moi intuitiva e foi concibida cun dobre obxectivo: servir de apoio á investigación sobre a lírica galego-portuguesa e, á súa vez, ser un recurso que facilite o labor docente tanto na universidade como nas etapas máis avanzadas da ESO e do Bacharelato.

Créditos

Dirección e Coordinación científica: Pilar Lorenzo Gradín

Coordinación técnica: Mariña Bermúdez Beloso

Equipo de colaboración: Helena Bermúdez, Carmen de Santiago Gómez

Referencias bibliográficas

Descarga as referencias bibliográficas en PDF aquí.