Un ano máis achegamos a todas aquelas persoas interesadas en coñecer como se desenvolveu a literatura galega en Galicia e fóra dela, o Informe de literatura correspondente ao ano 2019. Este proxecto supón o primeiro observatorio literario galego con características que van máis alá dunha base bibliográfica, xa que non só achega a creación senón tamén a recepción de todo tipo de obras literarias, así como doutros elementos sistémicos, acompañados todos eles dunha descrición do seu contido e mesmo da súa historia cando se trata de revistas e premios. O Informe poderase consultar na web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (http://www.cirp.gal) na sección de recursos en liña, en formato PDF, onde ademais se poden encontrar todos os publicados dende o ano 1995.
Como é habitual, no traballo acollemos todas as informacións e reflexións que, atinxindo directa ou indirectamente ao ámbito da literatura galega, apareceron en soporte impreso durante o ano 2019 nas súas máis diversas manifestacións: monografías, libros colectivos, revistas, xornais etc. Así, sobre cada unha destas publicacións rexistradas ofrecemos un comentario descritivo, non valorativo nin crítico, tanto dos libros relacionados coa literatura que viron a luz ao longo do ano 2019 (e tan só deses) coma das recensións que sobre eles apareceron nas revistas e xornais durante ese mesmo período de tempo. A finalidade destas explicacións é a de informar o lectorado do contido das diferentes publicacións, sen entrar en análises minuciosas, posto que sería de todo imposíbel, nin en excesivos tecnicismos que puidesen obstaculizar a comprensión a un lectorado non suficientemente especializado.
Doutra banda, apreciarase que, polo que se refire a este tipo de publicacións, diferenciamos entre “Recensións” e “Referencias varias”, por considerar que estas últimas, de importancia menor evidentemente, achegan algunha alusión ou información secundaria respecto do obxecto principal do escrito (artigos de opinión, entrevistas...), ou simples nótulas que non alcanzan o rango de recensións nin de análises críticas con pronunciamentos valorativos de interese, na maioría dos casos. Non obstante, se decidimos mantelas débese á consideración da información colateral valedoira que proporcionan, cando menos, para sabermos o grao relativo de atención que prestan ao ámbito literario, en xeral, os diferentes xornais consultados, elemento que se reflicte elocuentemente nos gráficos estatísticos que presentamos.
Respecto dos xornais, os consultados seguen a ser fundamentalmente de ámbito galego, aínda que cada vez máis son obxecto de atención aqueloutros foráneos que moi esporadicamente conceden algunha atención á literatura galega.
Polo que atinxe ás revistas, cómpre ter en conta que as consultadas son case todas galegas, por máis que apreciamos e rexistramos a atención que lle prestan a esta literatura outras. Tamén nesta orde de cousas, queremos avisar o lectorado de que, case exclusivamente, nos temos dedicado a consultar as revistas de maior difusión, pero que somos conscientes da existencia dunha gran cantidade de publicacións por parte de centros de ensino, agrupacións e asociacións culturais e outros centros, de dentro e fóra de Galicia, que poden ter interese para os nosos fins pero que non nos foron accesíbeis na súa maior parte. Neste sentido queremos manifestar a nosa vontade de apertura e o noso interese cara todas aquelas contribucións que o lectorado desexe facernos chegar ao centro para paliar o noso descoñecemento, nalgúns casos, e noutros a escasa difusión de certos materiais.
No apartado dedicado ás Revistas (IX), no que se fai unha biografía da publicación e non dos traballos que contén, a non ser as achegas de creación, só biografaremos aquelas que teñen ISSN, as demais que chegan ás nosas mans, como xa dixemos, serán descritas por medio dos seus traballos no apartado “Publicacións en Revistas”. Os anuarios que non teñan ISSN e si ISBN serán descritos como monografías (V.1), sección onde tamén acollemos as revistas que se ofrecen en edición facsimilar.
Noutra orde de cousas, cómpre salientar que, como xa se ten feito en edicións anteriores, dedicamos un apartado especial (IV) a todo o que se publicou arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, neste caso María Victoria Moreno. Entre outras razóns, esa decisión serviunos para que a bibliografía que se produciu no ano 2019 sobre esta figura non repercutise, desvirtuándoos, nos parámetros relativos ao reconto estatístico da produción literaria total do ano.
Doutra banda, o lectorado apreciará que a Literatura Infantil e Xuvenil é obxecto, así mesmo, de atención diferenciada (VII) respecto da que podemos denominar institucionalizada ou dirixida a público adulto. Incorporamos a este apartado a sección denominada “Cómic” polas súas características gráficas e narrativas, aínda que somos conscientes de que existen distintos tipos de cómic, con intencións diferentes e lectorado non infantil e xuvenil. Polo mesmo motivo, coidamos que os traballos rexistrados sobre a Literatura de Transmisión Oral, pola especial metodoloxía que o obxecto de estudo impón, debían considerarse á parte (VIII), tal e como se fai coa Literatura Medieval (XI), por constituír un corpus con perfil de seu practicamente xa pechado, e dispoñer, así mesmo, dunha metodoloxía de investigación ben diferenciada respecto do resto da literatura.
Para unha mellor matización na análise dos aspectos que definen o sistema literario galego seguimos a consignar a porcentaxe de obras que se beneficiaron dunha subvención pública para a súa edición, así como a das que foron directamente editadas por institucións oficiais, xa sexan de ámbito local, provincial ou autonómico, para contribuír a unha mellor interpretación da realidade cultural galega.
Finalmente, queremos manifestar como sempre o noso agradecemento aos responsábeis doutros proxectos deste Centro Ramón Piñeiro pola axuda e a información que nos prestaron, especialmente co apartado relacionado con literatura medieval e a todas aquelas persoas que ou ben realizaron a descrición dalgunha entrada ou ben colaboraron neste proxecto nalgún momento do proceso de elaboración nalgún aspecto puntual.
As coordinadoras |