No xénero das cantigas de amigo, existe un grupo de textos compostos por vinte e un autores que dotaron as súas creacións poéticas dun cuño único ao situalas nunha ermida, santuario ou igrexa. Trátase das coñecidas nos ámbitos académicos como cantigas de romaría ou cantigas de santuario. Nestas pezas, cada trobador ou xograr menciona un haxiotopónimo propio, que se converte nun signo de identidade poética que non pasaría desapercibido ao público que escoitaba aquelas cantigas, ao igual que non o pasa hoxe aos especialistas na materia nin aos propios lectores das mesmas.
Cantigas de romaría
A singularidade desas composicións foi precisamente a que determinou que as responsables do proxecto Lírica profana galego-portuguesa do CRPIH decidisen poñer en marcha, coa colaboración de Juan M. Escourido (East Carolina University), o recurso electrónico multilingüe Romarías, que ofrece unha serie de mapas nos que, mediante o emprego do sistema ArcGIS, aparecen xeorreferenciados os santuarios citados (ou, ás veces, tan só evocados) nese específico conxunto de cantigas. A web inclúe, ademais, nas pestanas ‘Sobre o corpus’ e ‘Textos e manuscritos’ un estudo que contempla diversos aspectos desa modalidade de “amigo”. Pola súa parte, a sección ‘Mapas’ fornece ligazóns que vinculan cada autor á súa biografía e á súa produción na base de datos MedDB. Sempre que é posible, a ferramenta tamén incorpora as imaxes actuais daqueles escenarios xeográficos que estableceron un vínculo intrínseco entre un autor e un territorio distinguido pola existencia dun espazo sagrado propio. A este respecto, cómpre indicar que naqueles casos en que o lugar suscita dúbidas sobre a súa identificación por existir outro(s) homónimo(s) que deban ser tomados en consideración, a web ofrece, con función decrecente, valores de 1 a 4 sobre o grao de certeza do topónimo conforme á seguinte escala:
Así mesmo, e agás no caso da catedral de Santiago, propón aos usuarios unha breve ficha informativa sobre os santuarios que teñen maior índice de probabilidade de ser os referidos por cada poeta. Por último, o recurso recolle unha serie de referencias bibliográficas básicas tanto para que os interesados nos textos obxecto de estudo poidan acceder a datos complementarios sobre os mesmos como para que, de ser o caso, inicien novas pescudas sobre o corpus.
A cartografía dos lugares sagrados mencionados polos trobadores e xograres e as fotografías dos mesmos pretenden achegar aos interesados na literatura medieval os espazos reais daquela ‘poesía de santuario’, coa intención de que os visiten e perciban a transcendencia de sitios que gozaron dunha identificación colectiva que, co paso do tempo, nalgúns casos se perdeu (noutros, se conservou a través dos séculos) para ser só recoñecidos a nivel local e para caer, en ocasións, no esquecemento ou no absoluto abandono.
Romarias ten un funcionamento moi sinxelo e intuitivo. O sitio web foi creado para ser, sobre todo, unha ferramenta docente que promova en públicos de diversos países a aprendizaxe da lírica trobadoresca desde perspectivas de estudo complementarias, xa que nela converxen a historia literaria, a xeografía e a arte. Mais a plataforma desexa ser tamén un medio de difusión que proporcione a todos os galegos información áxil sobre unha parte do seu patrimonio cultural non debidamente coñecida e valorada.
Para garantir a efectividade e os beneficios do recurso, os seus contidos serán actualizados e enriquecidos de maneira periódica, polo que os seus responsables procederán a incorporar as achegas substancias que se deriven dos progresos acadados polos investigadores nas cantigas analizadas.
Dirección: Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín (USC – CRPIH)
Fotografías, cartografía GIS e administración web: Juan Escourido (East Carolina University)