Condicións de publicación respecto aos dereitos de explotación e de propiedade intelectual.
Ao publicar en ArGaMed a persoa responsable da autoría cede todos os dereitos de explotación, en exclusiva e para todo o mundo, ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que, como titular do copyright, ten o dereito para: publicar a versión final do traballo na colección e distribuílo e/ou comunicalo publicamente tanto na colección como noutros medios, sexa en formato impreso, dixital ou calquera outro que poida inventarse no futuro; realizar ou traducir resumos do traballo e distribuílos e/ou comunicalos publicamente; autorizar ou ceder a terceiros o mesmo dereito e depositar copias ou referencias do traballo en arquivos en liña, quer en plataformas propias do CRPIH, quer en plataformas de terceiros con autorización do CRPIH. Calquera outro dereito non mencionado aquí será propiedade do autor ou autora.
Aceptar as condicións de publicación leva implícito que as persoas responsables da autoría declaran que o seu texto e os materiais asociados son orixinais e non se infrinxe a lexislación en materia de dereitos de propiedade intelectual. De ser así, os posibles custos e/ou indemnizacións derivados dos incumprimentos da lexislación vixente correrán ao cargo dos autores ou autoras, eximindo ao editor de calquera responsabilidade.
No caso de traballos de autoría compartida, aceptar as condicións de publicación leva implícito que todas as persoas que a conforman declaran que existe pleno consenso, que o estudo non se presentou nin publicou anteriormente por ningún outro medio, nin tampouco foi postulado para outra revista ou editorial. Así mesmo, ningún dos autores ou autoras pode exercer nin ceder ningún dereito de explotación ou de propiedade intelectual por separado, agás cando os textos indiquen explicitamente a parte correspondente a súa autoría.
ArGaMed comunicará aos responsables da autoría calquera infracción dos seus dereitos en materia de propiedade intelectual da que teña coñecemento. Tamén informará das posibles modificacións ou cambios na edición que se poidan producir en beneficio da súa distribución, comunicación ou difusión. Non se realizará modificación, corrección, ampliación ou omisión dos textos da edición se non está previamente permitida por quen forme parte da autoría.
O organismo editor de ArGaMed non obterá ningún beneficio comercial da edición, distribución e/ou comunicación das súas monografías en soporte electrónico, a non ser que decida o contrario. A autorización ou cesión dos dereitos de explotación a terceiros indicará especificamente se se permite obter beneficio comercial en calquera soporte na que a edición se presente.
Os dereitos de propiedade intelectual dos textos que conformen a obra correspóndenlle ao autor ou autora da mesma e poderá dispor deles sempre que non supoñan conflito coa cesión dos dereitos de explotación que aquí se mencionan. A resolución dos posibles conflitos que puidesen xurdir ao respecto resolveranse amistosamente entre as partes.
Os autores e autoras non percibirán ningún tipo de honorarios pola edición da obra nin polos dereitos de explotación cedidos ao organismo editor.
A publicación da obra implica o coñecemento previo e a aceptación por parte da persoa a quen lle pertenza a autoría das condicións aquí indicadas.