O “Balance” é unha sección de Cadernos de Fraseoloxía Galega onde se pode consultar toda a información relativa ás publicacións recollidas na revista desde o seu inicio en tódolos seus apartados. Nesa sección atopánse os índices alfabéticos de artigos, recadádivas e recensións publicadas, o índice de novas e publicacións recibidas na redacción, o índice de autores e artigos clasificados por temas e ramas da fraseoloxía, a listaxe de institucións de procedencia das persoas colaboradoras e máis o cómputo de unidades recollidas nas recadádivas segundo as categorías. Actualízase esa información en cada número publicado. Descargar.
Dende 2007, a Associação Internacional de Paremiologia / International Association of Paremiology (AIP-IAP) organiza cada ano en Tavira (Portugal) un congreso internacional sobre paremioloxía, tras o que se publican as actas correspondentes. Co obxectivo de dar a coñecer a investigación nos eidos da fraseoloxía e da paremioloxía, Cadernos de Fraseoloxía Galega incluíu ata o seu número 20 un apartado na sección “Novas” no que se recollían todas estas actas desde o seu inicio. A partires do CFG21 a revista só inclúe as correspondentes ao ano da publicación. Non obstante, co fin de facilitar a consulta á información inicial, este apartado pasou a formar parte da nosa web na súa versión completa. Descargar.
Un dos obxectivos de Cadernos de Fraseoloxía Galega é o de promover a recolleita da investigación en fraseoloxía galega e universal. Por iso, na súa sección NOVAS inclúense os traballos académicos realizados nese ámbito. Non obstante, co fin de facilitar a consulta a todas as persoas interesadas neste eido, ofrecemos unha base de datos de elaboración propia na que recollemos traballos académicos de todo o mundo e de todo tipo (teses, traballos de fin de grao ou mestrado, etc.) que estean relacionados coa Fraseoloxía. A base actualízase periodicamente e pode descargarse premendo na seguinte ligazón: Descargar.
Se coñece algún traballo que pensa que debería estar incluído na nosa base de datos, agradeceriámoslle que nolo comunicase enviando un correo electrónico a paremias@cirp.gal no que nos indique o título do traballo e a súa tipoloxía (“TFG”, “TFM”, “Tese doutoral” ou “Outros”), a autoría e a dirección, a institución académica e o ano da defensa.